DESCONECTA COA CIENCIA

O alumnado de 2º de BAC presentamos durante a semana da ciencia un proxecto englobado no ámbito das competencias científico tecnolóxicas que xirou en torno a táboa periódica e o proxecto "Desconéctate", levado a cabo no centro.

Este ano, a semana da ciencia foi dividida en catro partes, nas que se tratou o tema global dos elementos da táboa periódica.
A primeira parte sería executada polo alumnado de 2º da ESO, na que crearon un vídeo no que falan dos 24 elementos máis abundantes dos seres vivos e na Terra. Xunto con estes, tamén colaboraron os alumnos de 2º ESO PMAR, que elaboraron un xogo completamente relacionado coa táboa periódica. Este consistiría en emparellar os símbolos dos elementos cos seus respectivos nomes, gañando a persoa que máis parellas teña.
Na segunda parte, tratamos os elementos máis abundantes na Terra, na biosfera e dentro dun Smartphone. Cabe destacar a gran cantidade de diferentes materiais que hai nun aparello tan pequeno coma un Smartphone.
Na terceira parte realizamos tres prácticas moi diferenciadas.
-Unha primeira, realizada por David, que trataba da observación de fenómenos osmóticos en células vexetais, na cal empregando células dunha cebola, podemos ver os fenómenos osmóticos que sofren as células ao engadir auga destilada, producíndose o fenómeno denominado turxencia, xa que as vacuolas inchan, ou ao engadir auga con sal, onde podemos observar que as vacuolas das células arrúganse, fenómeno denominado plasmólise.
-Unha segunda, realizada por Zaira, na que observaríamos a reacción do ácido clorhídrico co carbonato cálcico, presente na casca dos ovos, os ósos, nas rochas, etc. Para esta práctica empregamos un óso de tenreira, un ovo e diferentes rochas (a lumaquela por exemplo). Ao engadir o ácido clorhídrico co carbonato cálcico presente nos diferentes obxectos que empregamos, observamos burbullas, isto é debido a que nesta reacción despréndese CO2.
-A terceira práctica, realizada por min, presentouse a relación de masas entre diferentes elementos na vida diaria, con outros líquidos moi diferentes, dende o mel ata o aceite do motor dun coche. Para realizar esta práctica, empregamos unha probeta de 1L, aceite do coche, anticonxelante, alcohol, aceite de xirasol, fairi, e mel. Na probeta situaríanse todos estes materiais por capas, diferenciadas por culpa da diferencia entre as densidades. A esta probeta engadiríaselle elementos comestibles, coma por exemplo unha mazá, e estes situaríanse no líquido que tivese a mesma densidade ca el.

Xa na última parte, e a modo de conclusión do acto, realizamos un rosco de preguntas para saber o atentos que estiveron o resto dos alumnos. Este rosco foi presentado por Uxía. Todo o traballo foi realizado polos alumnos de ciencias de 2º de BAC, xunto coa profesora Nuria Sánchez.

Jorge Tomé, 2º BAC

Comentarios