A Cultura Castrexa

 PARQUE ARQUEOLÓXICO DA CULTURA CASTREXA

Xornadas didácticas

O pasado martes 18 de maio o alumnado de 1º ESO participou nunha xornada didáctica  sobre a cultura castrexa, impartida por unha guía do Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa (Lansbrica)



A xornada desenvolveuse en dúas fases: un percorrido guiado, a vista de paxaro, polo castro de San Cibrao de Las e unha exposición de varios obxectos que permitiron ao alumnado observar procesos e técnicas e achegarse á época castrexa a través de recreacións e réplicas.

Con esta actividade retrocederon uns 2000 anos e coñeceron como eran as formas de vida e a organización social das persoas que poboaban o noroeste da península ibérica (os castrexos) antes da chegada dos romanos.

Ademais, descubriron que o castro de San Cibrao de Las foi unha “cidade” moi importante na súa época. Destacaba pola súa extensión (aproximadamente 10 Ha), pola monumentalidade do seu sistema defensivo e porque a súa estrutura foi minuciosamente planificada antes do asentamento das primeiras familias.

As réplicas que lles amosaron permitiulles coñecer como eran os utensilios domésticos (olas, xerras, vasillas e cuncas), as xoias (torques, arracadas e colares), os teares e algunhas das ferramentas e armas que empregaban os castrexos. E mesmo fixemos lume!!




Comentarios