Día da Liberdade. "Em cada esquina, um amigo"

 

Semana da Liberdade no IES Poeta Díaz Castro


Un ano máis, Portugal conmemora o 25 de Abril, a grande festa da Liberdade. O IES Poeta Díaz Castro, centro pioneiro no aproveitamento das posibilidades que o noso ámbito lingüístico galego-portugués nos ofrece, non podía deixar pasar a oportunidade de xuntarse a esta celebración que exalta os valores da Democracia, a Igualdade e a Fraternidade. Estas actividades son froito da colaboración dos departamentos de Portugués, Galego, Música, Debuxo e do Equipo da Biblioteca; unha constelación de sinerxías que xa é a marca propia do noso instituto.






A preparación da efeméride comezou nas semanas anteriores, período durante o cal o alumnado de Educación Plástica e Visual de 4º da ESO realizou, coa orientación da profesora Nuria Pena, unha serie de debuxos a carbón representando, concreta ou alegoricamente, os eventos e ideais propios desta data.




Exposición do alumnado de Nuria Pena no recibidor.

Desde a mañá do día 25 de Abril, estas obras artísticas do noso estudantado decoran o vestíbulo da escola. O profesorado do Departamento de Portugués presentouse nesta ocasión vestido como capitãs e capitães de Abril e repartiu máis de 100 cravos (caraveis) entre o alumnado, elaborados manualmente baixo a dirección artística da nosa xefa de estudos, a profesora Susana Vázquez.
 


Da mesma maneira, a Biblioteca acolle estas dúas semanas unha pequena exposición, cun exemplar daquilo que no estado español se denominaba popularmente unha vietnamita. Este artefacto, unha simple multicopista composta por unha caixa de madeira, un bastidor con tecido de seda e un cliché,  foi extensamente utilizada durante os períodos de ditadura polos grupos de resistencia que, finalmente, conseguirían democratizar Portugal e España.
 







Gabriel mostrando o funcionamento da "Vietnamita".

A celebración continuou coa colaboración do alumnado de Música de 3º da ESO e da súa profesora, Sandra Tenreiro. Os dous grupos que forman esta etapa recibiron unha clase sobre o Grândola Vila Morena, a canción que serviu como sinal para o inicio da revolución que acabaría coa ditadura en Portugal e que fora estreado dous anos antes no Burgo das Nacións de Santiago de Compostela. Após coñeceren a profunda relación do cantor José Afonso con Galiza e coa Nova Canción Galega naquel período, os dous grupos deste curso desfilaron cantando o tema, reproducido a partir do vinilo orixinal  do Cantigas do Maio, publicado en 1971.




3º ESO Interpretando Grândola Vila Morena

Nesta mesma data, contamos coa presenza do lingüista, tradutor e escritor portugués Marco Neves, un dos maiores divulgadores sobre o galego en Portugal. Nesta ocasión, Marco Neves aproveitou a súa presenza na nosa escola para conversar con estudantes de 4º da ESO e 1º de BACH sobre as inmensas posibilidades que, como falantes de galego, teñen á hora de se desenvolver académica e profesionalmente nos catro continentes onde o portugués é falado.






As actividades conmemorativas do 25 de Abril concluirán na próxima semana, en que aproveitaremos unha reprodución da multicopista realizada por José Gómez, pai da profesora Maria, a quen precisamos de agradecer as tardes de traballo e dedicación a este proxecto. Así, a partir dunha serie de clichés realizados polo Departamento de Portugués, aos cales o alumnado poderá acrecentar  modelos propios, imprimiremos algúns pósters  conmemorativos.


Desde a biblioteca queremos agradecer a Gabriel André Iglesias, o noso profesor de portugués,  esta completa descripción das actividades realizadas. E tamén un agradecemento ao resto de departamentos colaboradores e familia de artistas.

"Em cada esquina, um amigo".
















Comentarios