XOSÉ Mª DÍAZ CASTRO, POETA DE GUITIRIZ


Nado no lugar de Vilariño, parroquia de Os Vilares, en 1914. Fillo do escribínte do entón Concello de Trasparga, a familia adicábase á labranza e o neno asistía á escola de As Conchadas onde pronto é consciente do seu gosto pola poesía. Comeza recitando na popular Festa da árbore.

Pronto marcha para o Seminario a continuar estudos. Alí coñecerá entro outros escritores a Aquilino Iglesia Alvariño, “o primeiro aguillón que me estimulou a apreciar o galego e a escribir nesta língoa”, amigo que o anima na súa adicación á poesía. Pronto publicará os primeiros versos adicados á natureza e á temática relixiosa, en galego e castelán, no Progreso Villalbés. Tamén nesta época iníciase na súa outra gran capacidade, o dominio de diferentes línguas, chegaron a ser 14, e a base do seu futuro laboral como traductor. Exerce como mestre de línguas clásicas en Vilagarcía e logo pasa a ser traductor no Instituto de Investigacións Científicas. Nunca abandoará a súa adicación á literatura e a súa contribución á traducción ao castelán de autores premiados co Nobel ou poetas alemáns achegados ao galego, como Rilke.

Empeza a manifestar unha timidez que impide publicar o que escribe, Follas verdes e Follas ao aire son obras que seguen inéditas. Só breves aportacións na revista literaria, Alba, rompen este silenzo. Pero en 1946, aguilloado polos amigos, preséntase ao Premio Xogos Frorais en Betanzos, que gaña. En 1954 Francisco Fernández del Riego publica unha Escolma de poemas galegos que recolle algún dos poemas do noso autor e entusiasma aos lectores. E en 1961 publica o seu primeiro e único poemario NIMBOS, que leva a considerar a Díaz Castro como representante fundamental da literatura galega de posguerra e a este libro como un dos clásicos das nosas letras contemporáneas. Penélope é o poema máis coñecido, musicado e traducido a moitas línguas, aporta a súa definición de Galicia. Como unha espada, recolle o verso que utilizamos con máis ánimo e interese na nosa biblioteca “a beleza feriume para sempre”.

En 1990, Díaz Castro morre en Guitiriz, a onde retorna nos seus últimos anos e recibe o apoio e recoñecemento de escritores como Darío Xoán Cabana, quen o anima a publicar a súa obra Sombras radiantes, obxectivo trucado pola súa desaparición, e onde mantén a amizade de Manuel María.


Hoxe homenaxeamos ao noso escritor co motivo da terceira edición de NIMBOS realizada por Galaxia. E invitámosvos a visitar a exposición que a Biblioteca do IES Poeta Díaz Castro acolle, grazas ao noso compañeiro Alfonso Blanco, amigo persoal do poeta, divulgador da súa obra e depositario de valiosos documentos e material inédito que pón á nosa disposición. Agradecer tamén ao Equipo de Normalización Lingüística a súa participación.

Comentarios