A LUS DO MUNDO

Un poeta nace ou faise? Esta é unha das preguntas que os alumnos do instituto de Guitiriz tratan de responder neste documental sobre o poeta Xosé María Díaz Castro, quen creceu rodeado das mesmas paisaxes que eles e se iniciou nos versos cando aínda era un rapaz, tamén coma eles. Mesturando entrevistas e poemas musicados, esta curta destaca a vixencia da obra de Díaz Castro e aporta unha mirada fresca sobre a poesía, como unha maneira de aferrarse ó mundo e sentirse vivo.
Para saber máis pincha aquí



            O IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz presenta un documental para difundir a figura do poeta que dá nome ó Instituto e reivindicar que lle sexa adicado o Día das Letras Galegas do 2014. A curtametraxe, titulada “A lus do mundo. Redescubrindo ao poeta Díaz Castro” ten quince minutos de duración, inclúe entrevistas e enquisas na rúa, ademáis dun apartado musical importante con varios temas que inclúen os versos de Díaz Castro e son interpretados pola aula de música do centro. O documental foi realizado por alumnos de 2º, 3º e 4º da ESO dentro dun proxecto enmarcado nos programas da Consellería de Educación de fomento da excelencia..


            Dende a escrita do guión, ata a realización das entrevistas, todo o documental foi realizado polo alumnado co apoio de profesores e máis de Cristina de la Torre, xornalista e realizadora en Pasen y Vean Comunicación, quen se encargou de dirixir o obradoiro. A directora do centro, Olga Aguiar, destaca que o resultado superou con moito as expectativas e agardan que a curtametraxe lle dea repercusión ó traballo educativo que se realiza cos alumnos do rural galego, ademais de axudar a difundir a figura de Díaz Castro: “Un autor aínda moi descoñecido e que precisa recuperar o seu lugar no imaxinario cultural galego”. Sandra Tenreiro, a profesora de música e que compuxo as cancións, destacou a creatividade e implicación dos rapaces, ata o punto de que un alumno de bacharelato versiona e rapea un dos poemas. Tódalas cancións terán licenza Creative Commons e estarán dispoñibles en Internet.

Comentarios

  1. Noraboa polo traballo!
    O documental ten unha calidade sorprendente, que está a altura da obra do poeta e das intervencións de Marica Campo e Alfonso.
    E a banda sonora ¡ e unha delicia! Moi, moi emocionante

    ResponderEliminar
  2. Parabéns. Non atopo as palabras para explicar as sensacións que me provocou o voso documental, o que si sei e que só serían palabras de loubanza. Noraboa rapaces e rapazas, noraboa mestres e mestras, noraboa tamén a todos aqueles que colaboraron dende a sombra. Anímovos a que o presentedes en política lingüística, se é que non o fixéstedes, alegraríame que chegara o meu centro. Que mellor homenaxe a un poeta que este voso traballo. Parabéns de novo, esta é a escola que merece a pena, a que está VIVA e da VIDA os seus alumnos.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario