Un ano máis, Portugal conmemora o 25 de Abril,
a grande festa da Liberdade. O IES Poeta Díaz Castro, centro pioneiro no
aproveitamento das posibilidades que o noso ámbito lingüístico galego-portugués
nos ofrece, non podía deixar pasar a oportunidade de xuntarse a esta
celebración que exalta os valores da Democracia, a Igualdade e a Fraternidade.
Estas actividades son froito da colaboración dos departamentos de Portugués,
Galego, Música, Debuxo e do Equipo da Biblioteca; unha constelación de
sinerxías que xa é a marca propia do noso instituto.
A preparación da efeméride comezou nas semanas
anteriores, período durante o cal o alumnado de Educación Plástica e Visual de
4º da ESO realizou, coa orientación da profesora Nuria Pena, unha serie de
debuxos a carbón representando, concreta ou alegoricamente, os eventos e ideais
propios desta data.
Exposición do alumnado de Nuria Pena no recibidor.
Desde a mañá do día 25 de Abril, estas obras
artísticas do noso estudantado decoran o vestíbulo da escola. O profesorado do
Departamento de Portugués presentouse nesta ocasión vestido como capitãs e
capitães de Abril e repartiu máis de 100 cravos (caraveis) entre
o alumnado, elaborados manualmente baixo a dirección artística da nosa xefa de
estudos, a profesora Susana Vázquez.
Da mesma maneira, a Biblioteca acolle estas
dúas semanas unha pequena exposición, cun exemplar daquilo que no estado
español se denominaba popularmente unha vietnamita. Este artefacto, unha
simple multicopista composta por unha caixa de madeira, un bastidor con tecido
de seda e un cliché, foi extensamente
utilizada durante os períodos de ditadura polos grupos de resistencia que, finalmente,
conseguirían democratizar Portugal e España.
Gabriel mostrando o funcionamento da "Vietnamita".
A celebración continuou coa colaboración do
alumnado de Música de 3º da ESO e da súa profesora, Sandra Tenreiro. Os dous
grupos que forman esta etapa recibiron unha clase sobre o Grândola Vila
Morena, a canción que serviu como sinal para o inicio da revolución que
acabaría coa ditadura en Portugal e que fora estreado dous anos antes no Burgo
das Nacións de Santiago de Compostela. Após coñeceren a profunda relación do
cantor José Afonso con Galiza e coa Nova Canción Galega naquel período, os dous
grupos deste curso desfilaron cantando o tema, reproducido a partir do vinilo
orixinal doCantigas do Maio,
publicado en 1971.
3º ESO Interpretando Grândola Vila Morena
Nesta mesma data, contamos coa presenza do
lingüista, tradutor e escritor portugués Marco Neves, un dos maiores
divulgadores sobre o galego en Portugal. Nesta ocasión, Marco Neves aproveitou
a súa presenza na nosa escola para conversar con estudantes de 4º da ESO e 1º
de BACH sobre as inmensas posibilidades que, como falantes de galego, teñen á
hora de se desenvolver académica e profesionalmente nos catro continentes onde
o portugués é falado.
As actividades conmemorativas do 25 de Abril
concluirán na próxima semana, en que aproveitaremos unha reprodución da
multicopista realizada por José Gómez, pai da profesora Maria, a quen
precisamos de agradecer as tardes de traballo e dedicación a este proxecto.
Así, a partir dunha serie de clichés realizados polo Departamento de Portugués,
aos cales o alumnado poderá acrecentar
modelos propios, imprimiremos algúns pósters conmemorativos.
Desde a biblioteca queremos agradecer a Gabriel André Iglesias, o noso profesor de portugués, esta completa descripción das actividades realizadas. E tamén un agradecemento ao resto de departamentos colaboradores e familia de artistas.
Comentarios
Publicar un comentario