PREMIO NACIONAL AL DESARROLLO DE COMPETENCIAS DE LECTOESCRITURA Y AUDIOVISUALES 2015

lunes, 21 de marzo de 2011

VIAXE A ROMA




O alumnado de 1º de BAC acompañado por María Miragaya e Olga Aguiar pasaron uns dias estupendos en Roma e Florencia. A biblioteca, de xeito indirecto, tamén estivo alí. Como? Pois como temos unhas alumnas que saben preparar ben as viaxes, antes de marchar pasaron pola biblioteca para levar algúns libros: unhas guías para non perderse nada e tamén algún libro de lectura, por si tiñan tempo. Creo que non houbo demasiado tempo para ler, pero neste caso non nos importa nada, iso significa que o pasaron moi ben, viron moitas cousas, aprenderon moito... e xa terán agora tempo para ler. Pero mellor nolo contan elas


Antes da nosa saída de Guitiriz, ás 5:30 da mañá e a maioría sen durmir, non podiamos evitar estar nerviosos: para algúns de nós era a primeira viaxe en avión e/ou ao estranxeiro, outros xa probaran o ano pasado coa viaxe a Londres, pero todos en común compartiamos o desexo de desfrutar da nosa esperada viaxe de fin de curso. 

Saímos en avión de Santiago ás 7, e, despois de facer escala en Madrid, ao fin chegamos a Roma ás 11:30 aprox. Logo de trasladarnos ao hotel e de instalarnos, fixemos o noso primeiro paseo por Roma na busca dun sitio no que comer. A maioría de nós, por ser o primeiro día e non coñecer os arredores, comimos no McDonald’s da Piazza da Repubblica, pero este xa nos pareceu especial en comparación cos de aquí, xa que había moitas cousas descoñecidas que comer (uns batidos de tiramisú, capuccino e chocolate riquísimos). Despois de volvernos reunir todos coas profesoras, comezamos a nosa visita polas zonas de interese romanas.

Durante a nosa estancia en Roma non parou de chover, o que non impediu que visitásemos todos os monumentos importantes e todas os lugares que sempre vimos nas películas. No noso primeiro día alí, visitamos o Quirinale, anque uns gardas non nos deixaron achegarnos moito; a Fontana de Trevi, a cal nos encantou a todos e onde tiramos a nosa moeda esperando que se cumprisen os nosos desexos; a Piazza de Spagna, onde había un montón de xente a pesar da choiva; e a vía Condotti, a rúa na que se atopan todas as tendas de deseñadores como Dolce & Gabbana ou Versace. Por mor da choiva, tivemos que volver ao hotel no bus urbano, no cal fomos moi moi apertados pero ríndonos moito. Pola noite ceamos no restaurante que estaba en fronte do hotel, como fariamos todos os días, e no que a pasta e a pizza estaban riquísimas.


O segundo día, aínda cansos pola viaxe, fixemos a nosa visita ao Coliseum e ao Foro Romano: foi impresionante atoparse de súpeto con algo tan grandísimo como era aquilo, e, unha vez dentro, estar onde no seu tempo loitaban os gladiadores e as feras, foi unha sensación fantástica. Cando acabamos alí achegámonos ao Campidoglio, e logo da comida (onde coñecimos a un italiano simpatiquísimo) fomos visitar o Panteón, que tiña un burato no teito polo que entraba a auga, e a Piazza Navona, onde nos “atopamos” co presidente de Chile. De novo regresamos ao hotel moi cansos e mollados.


O último día da nosa estadía en Roma foi a quenda do Vaticano. Madrugamos moito e collemos o metro para achegarnos, primeiro, aos Museos Vaticanos, onde vimos a preciosa Capilla Sixtina e as súas famosas pinturas, así como momias exipcias e esculturas de deuses romanos, e despois, á Basílica de San Pedro, a cal era descomunal e tiña unha cúpula dende a que puidemos ver toda a cidade. Como fin da nosa visita á capital de Italia, visitamos o Trastèvere, o típico barrio italiano, onde puidemos probar un roliño de masa de pizza crúa recheo de Nutella, que estaba delicioso.

Ao día seguinte pola mañá depedímonos do hotel e collemos o bus cara a Florencia. Despois dunha sestiña no bus chegamos á cidade, máis ou menos ás 14:00, e instalámonos no hotel, o cal nos encantou porque era moi moderno e tiña un código para entrar nas habitacións sen necesidade de chave. Cando acabamos de comer nun lugar cercano, collemos o bus e achegámonos a contemplar a catedral. No momento no que apareceu ante os nosos ollos quedamos impresionados: era grandísima, en mármore verde e branco e cuns debuxos preciosos na fachada. Cando a vimos por dentro ó día seguinte descubrimos que non tiña nada especial, pero o exterior era extraordinario. Tamén alí subimos ao campanario e puidemos observar Florencia na súa totalidade. O último día da nosa viaxe espertamos e empezamos a facer visitas moi cedo.
A primeira parada foi na Piazza da Signoria, a cal aparece na película “Luna Nueva” e onde atopamos unha réplica do David de Miguel Angel. Despois visitamos o Palazzo Pitti, onde puidemos admirar múltiples cadros de pintores famosos como Botticelli, Leonardo ou Rafael. Cando saímos do palacio, fixemos unhas compriñas nas tendas de recordos dos arredores e, nas proximidades da Ponte Vecchio, unha ponte completamente chea de xoierías e que cae derrubada na película “El Perfume”, dispuxémonos a colgar, moitas de nós, o noso cadeado, coma nos libros de Federico Moccia. Máis tarde, cando rematamos de xantar nun restaurante no que nos puxeron catro macarróns por prato, reunímonos de novo coas profesoras e visitamos o interior da catedral, onde o máis salientable era a cúpula de Brunelleschi, e a Santa Croce. Esta era unha igrexa completamente chea de tumbas, entre elas a de Miguel Angel, Dante (despois visitamos a súa casa), Maquiavelo e Galileo Galilei. Cando acabamos as nosas visitas e tivemos un tempo libre, dirixímonos ao hotel. Algúns fixeron unhas compras para a viaxe do día seguinte e foron descansar, mentres que outros preferiron saír para coñecer o ambiente nocturno da cidade.
 As noites no hotel, tanto en Roma coma en Florencia, foron sempre divertidas: iamos dunha habitación a outra e mesmo organizamos un pequeno campionato de tute.

O sábado erguémonos moi cedo e collemos o bus en dirección ao aeroporto de Roma, onde embarcamos no avión que nos traería de volta a Galicia.

Esta viaxe, anque ao longo da nosa vida poidamos volver a Italia, foi única e será irrepetible. Por primeira e, seguramente, última vez, pasamos unha semana todos xuntos, coñecéndonos mellor despois de toda a vida xuntos no instituto, e aprendemos a entendernos uns a outros como grupo. Xa nos pasou, como se en realidade só fose un soño, a viaxe de 1º de Bacharelato que levabamos esperando tanto anos, pero de seguro que, por moitos que pasen, non a esqueceremos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario en la entrada