PREMIO NACIONAL AL DESARROLLO DE COMPETENCIAS DE LECTOESCRITURA Y AUDIOVISUALES 2015

jueves, 4 de abril de 2019

QUE NOS OFRECE A USC?






O pasado 15 de marzo, de 12:20 a 14:00, os alumnos de Segundo de Bacharelato do centro asistimos a unha charla impartida por un reitor da Universidade de Santiago de Compostela e unha alumna de Terceiro de Carreira de Filoloxía Hispánica, ambos para falarnos de todas as carreiras que podiamos cursar en dita institución.
A charla non foi orientada a ningunha carreira ou rama en concreto, senón que nos intentaron informar en xeral dos servizos e estudios aos que podiamos acudir nesta universidade. Algo no que realmente se parou a falar o reitor foi nos mitos que había sobre estudar da universidade. Deixounos claro que, por moi alonxados que estivésemos das nosas casas e dos nosos pais, teremos que estudar moito se queremos sacar boas notas, e as festas e a diversión estarán nun segundo plano. Creo que isto nos puxo cos pés na terra, xa que nas películas móstranse aos estudantes universitarios como festeiros e lacazáns, cando a realidade é moi diferente. Tamén se nos falou da asistencia ás clases: non chega só con ir ao exame e aprobar, xa que se non vas polo menos ao 70% das clases non poderás pasar de curso. Creo que nin eu nin meus compañeiros sabiamos iso, e que pensabamos que podiamos entrar e saír das clases como nos apetecera pero, outra vez, a realidade é moi diferente das películas!
Outro tema moi interesante no que nos insistiron foi nos dobres graos e nas becas de intercambio; nun mundo no que cada vez hai máis competencia e onde cada vez máis persoas teñen estudos superiores, hai que saber buscar estudos e experiencias que nos fagan destacar por enriba dos outros candidatos no competitivo mundo laboral. Ademais, os estudos no estranxeiro, como pode ser o caso de ERASMUS, achegan grandes valores ás persoas que non se poden aprender nos libros, coma o respecto ás outras culturas e costumes. Isto último é esencial, sobre todo para os estudantes dalgunha Filoloxía estranxeira.
Pese a non ter demasiado tempo para falar dun tema tan extenso como é o das saídas profesionais, creo que tanto o reitor coma a alumna nos axudaron a aclarar algunhas cousas que na nosa mente de adolescentes aínda estaban un pouco borrosas e eran confusas, polo que penso que si que nos axudaron a descubrir máis sobre os estudos aos que moitos de nós pensamos en acceder o ano que vén. Tamén, a alumna de Filoloxía contounos que moitos rapaces de Terceiro e Cuarto de Carreira adícanse a ser un pouco coma titores dos alumnos recén chegados, algo que realmente nos será útil e nos tranquilizará nun futuro que temos tan próximo.


Antía Sánchez Vázquez, 2º de Bach

No hay comentarios:

Publicar un comentario