VIAXE A ROMA
O alumnado de 1º de BAC acompañado por María Miragaya e Olga Aguiar pasaron uns dias estupendos en Roma e Florencia. A biblioteca, de xeito indirecto, tamén estivo alí. Como? Pois como temos unhas alumnas que saben preparar ben as viaxes, antes de marchar pasaron pola biblioteca para levar algúns libros: unhas guías para non perderse nada e tamén algún libro de lectura, por si tiñan tempo. Creo que non houbo demasiado tempo para ler, pero neste caso non nos importa nada, iso significa que o pasaron moi ben, viron moitas cousas, aprenderon moito... e xa terán agora tempo para ler. Pero mellor nolo contan elas
Antes da nosa saída de Guitiriz, ás 5:30 da mañá e a maioría sen durmir, non podiamos evitar estar nerviosos: para algúns de nós era a primeira viaxe en avión e/ou ao estranxeiro, outros xa probaran o ano pasado coa viaxe a Londres, pero todos en común compartiamos o desexo de desfrutar da nosa esperada viaxe de fin de curso.
Durante a nosa estancia en Roma non parou de chover, o que non impediu que visitásemos todos os monumentos importantes e todas os lugares que sempre vimos nas películas. No noso primeiro día alí, visitamos o Quirinale, anque uns gardas non nos deixaron achegarnos moito; a Fontana de Trevi, a cal nos encantou a todos e onde tiramos a nosa moeda esperando que se cumprisen os nosos desexos; a Piazza de Spagna, onde había un montón de xente a pesar da choiva; e a vía Condotti, a rúa na que se atopan todas as tendas de deseñadores como Dolce & Gabbana ou Versace. Por mor da choiva, tivemos que volver ao hotel no bus urbano, no cal fomos moi moi apertados pero ríndonos moito. Pola noite ceamos no restaurante que estaba en fronte do hotel, como fariamos todos os días, e no que a pasta e a pizza estaban riquísimas.A primeira parada foi na Piazza da Signoria, a cal aparece na película “Luna Nueva” e onde atopamos unha réplica do David de Miguel Angel. Despois visitamos o Palazzo Pitti, onde puidemos admirar múltiples cadros de pintores famosos como Botticelli, Leonardo ou Rafael. Cando saímos do palacio, fixemos unhas compriñas nas tendas de recordos dos arredores e, nas proximidades da Ponte Vecchio, unha ponte completamente chea de xoierías e que cae derrubada na película “El Perfume”, dispuxémonos a colgar, moitas de nós, o noso cadeado, coma nos libros de Federico Moccia. Máis tarde, cando rematamos de xantar nun restaurante no que nos puxeron catro macarróns por prato, reunímonos de novo coas profesoras e visitamos o interior da catedral, onde o máis salientable era a cúpula de Brunelleschi, e a Santa Croce. Esta era unha igrexa completamente chea de tumbas, entre elas a de Miguel Angel, Dante (despois visitamos a súa casa), Maquiavelo e Galileo Galilei. Cando acabamos as nosas visitas e tivemos un tempo libre, dirixímonos ao hotel. Algúns fixeron unhas compras para a viaxe do día seguinte e foron descansar, mentres que outros preferiron saír para coñecer o ambiente nocturno da cidade.
O sábado erguémonos moi cedo e collemos o bus en dirección ao aeroporto de Roma, onde embarcamos no avión que nos traería de volta a Galicia.
Esta viaxe, anque ao longo da nosa vida poidamos volver a Italia, foi única e será irrepetible. Por primeira e, seguramente, última vez, pasamos unha semana todos xuntos, coñecéndonos mellor despois de toda a vida xuntos no instituto, e aprendemos a entendernos uns a outros como grupo. Xa nos pasou, como se en realidade só fose un soño, a viaxe de 1º de Bacharelato que levabamos esperando tanto anos, pero de seguro que, por moitos que pasen, non a esqueceremos.






Comentarios
Publicar un comentario