SINGALA. A LINGUA GALEGA. UNHA OPORTUNIDADE

 


Manuel Núñez Singala


A LINGUA GALEGA: UNHA OPORTUNIDADE


 O alumnado de 2º de Bacharelato recolle unha fonda reflexión tras a visita de Singala. Aquí 

deixamos esta pegada.
 

 

O pasado 22 de abril o alumnado de 4º de ESO e 2º de Bacharelato asistimos a unha conferencia sobre normalización e prexuízos lingüísticos da man de Manuel Singala, filólogo e director do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela desde 1988. Ademais, no eido literario conta con varias obras de teatro, ensaio ou narrativa.

 

Para comezar, atopámonos cun formato de presentación e xeito de abordar o tema moi diferente ao que estabamos acostumados. Falou de diferentes aspectos á volta da lingua galega dunha forma moi orixinal, xa que mediante ideas que, nun principio, non deberían ter ningunha relación coa temática conseguiu facernos reflexionar sobre a situación do galego. A seguir destacamos dous.

 

Por exemplo, preguntounos: “Se vos dan a escoller entre ir de viaxe a Nova York ou París, a cal decidiriades ir?”. Moitas e moitos escollemos tan só unha opción. Mais despois chegamos á conclusión de que non tíñamos que escoller, senón que as dúas opcións eran posibles. Isto, aínda que non o pareza, podemos relacionalo coa lingua e coas decisións que por veces tomamos: escoller entre o castelán ou o galego. A consecuencia é que, ao desenvolvérmonos nunha soa lingua, deixamos á marxe a outra e o número de falantes diminúe, como acontece co caso do galego.

 

Outro aspecto que tratou foi como inflúen as outras persoas nos nosos comportamentos. Somos un animal social que busca ser aceptado e que para iso adaptará comportamentos que nin tan sequera cuestiona. Un caso que se pode extrapolar ao desuso do galego a favor do castelán.

 

Como broche final, á pregunta “Cal cres que é a solución para acabar cos prexuízos lingüísticos?”, Singala teno claro: Compromiso individual. Polo tanto, libera a túa mente de prexuízos como “o galego soa moi bruto,” “o galego normativo é unha lingua inventada”, “o galego é do rural”... e comeza a ver a túa lingua como o que é: parte de ti.

 

 

 

ALUMNADO2º BAC

Comentarios