Un
ano máis acudimos a nosa cita cos pequenos dos coles no día do
Libro. Cen alumnos e alumnas de 1º, 2º, e 3º de ESO aprestáronse
a compartir emocións, aventuras, sonos, saberes, en definitiva,
lectura, cos máis pequenos dos colexios de Lagostelle, Parga e a
Castellana. Este ano introducimos algunhas novidades.
O alumnado de
terceiro preparou coa súa profesora de música uns contos musicados
que fixeron as delicias de grandes e pequenos. (Podedes velos no
segundo Vídeo) Pola súa banda no colexio propuxéronos facer unha
sólida homenaxe á lectura e aos contos. Se algunhas das formas de
escritura máis antigas fixéronse sobre pedra que mellor que a pedra
para deixar memoria deste día dedicado a compartir letras e
lecturas. Así os pequenos prepararon as súas pedras cheas de cores
a debuxos para deixar plasmada unha das moitas cousas que nos aporta
a lectura “A lectura fainos fortes” Nos pola nosa banda
correspondemos a esta iniciativa deixando gravado en pedra as
sensacións que nos deixou esta experiencia sobre un enorme corazón.
A cousa no quedou aí. Levámonos as pedras dos pequenos ao noso
centro e as depositamos arredor dunha árbore, que dende hoxe será a
nosa árbore da lectura; a nosa árbore de todos os sonos, aventuras,
sentimentos, coñecementos que nos dan os libros … Sólidos e
fortes como a pedra e pero vivos como unha árbore, medrando con nos
sen presa e sen pausa, como unha árbore chea de ramas e follas novas
cada ano.
Comentarios
Publicar un comentario