Biblio Poeta Díaz Castro pecha o trimestre con Antía Yáñez

Unha mañá con Antía Yáñez no IES Poeta Díaz Castro.


O pasado 18 de decembro rematabamos a primeira avaliación coa visita de Antía Yáñez. Foron moitos os grupos que desfrutaron esta avaliación dos seus libros e non houbo mellor maneira de rematar o trimestre coñecendo e falando persoalmente coa autora.


Deixamos un resumo das impresións dos grupos que puideron asistir a este encontro.

Biblio Poeta Díaz Castro- Senlleiras-2º Bach


  Be Water foi o libro de lectura obrigatoria en 3º da ESO proposto pola   profe para comezar o curso. O que primeiro que nos chamou á atención foi que o título estivera en inglés e que comezara falando da menstruación! Mais Antía Yáñez explicounos que aínda había moitos temas considerados tabús na sociedade, como é a hixiene íntima da muller, e que ela quería aportar o seu gran de area para reverter esa situación. Ademais, na charla presentounos datos reais e detallados do consumo de auga en diferentes partes do mundo e puidemos entender mellor a importancia que esta ten nas nosas vidas: para o aseo, para cociñar, para lavar a roupa... En definitiva, para sobrevivirmos, xa que gran parte da nosa composición é auga! Foi un pracer escoitarte, Antía, e esperamos ver en breve a segunda parte nos andeis das librarías.



       O alumnado de 1º ESO, nesta primeira avaliación, lemos o libro O misterio de Portomarín, o cal nos gustou moito. Con Antía Yáñez puidemos afondar un pouco máis na historia da vila como, por exemplo, que quedou asolagada pola construción dun encoro ou que transportaron as pedras da igrexa unha a unha para o "novo" Portomarín. Tamén, a autora acompañou a súa exposición con imaxes antigas e actuais para vermos as mudanzas que o do paso do tempo levou a cabo. Ademais, contounos en que se baseou para escribir o libro e, incluso, confesounos que, nun principio, tiña medo de que non lle publicasen o libro por aparecer un cadáver nunha historia para nenos e nenas. Cara o final, respondeu as nosas preguntas con claridade e resolveu as nosas dúbidas. 


 

A escritora Antía Yáñez e o alumanado de 2º BAC puidemos desfrutar tanto de conversar con ela como da súa novela Senlleiras, que ten como tema principal a violencia de xénero. A todas e a todos nos impactou o feito de que Antía fose capaz de transmitir tantas emocións a través das e dos personaxes da novela, sobretodo mediante Alda e Alana. Senlleiras permitiunos, de algunha forma, sentir e recapacitar á volta do maltrato, tanto físico como psicolóxico, que as dúas protagonistas experimentan ao longo da historia. Consideramos que, a día de hoxe, a violencia de xénero é algo que temos interiorizado, no sentido en que somos conscientes de que existe, que é un problema, unha lacra e que debemos loitar para a erradicar. 

Moitas grazas, Antía, por compartir con nós as túas letras e inquedanzas. 






Comentarios