Todo comeza antes de Nadal...

                 ...compartindo lecturas e versos de poetas!

Fica aquí breve memoria do mapa de xuntanzas do Club de Lectura nestes días de intensa actividade prevacacional, e iso que non nos deu tempo a todo!

A rapazada que está a ler La catedral xuntouse onte no segundo recreo para falar desta novela de intriga, pero haberá unha segunda parte á volta, en xaneiro.

@s máis nov@s tiveron un tempo de lecer inesperado para ler historias ilustradas, houbo quen se animou a contarlle a súa ao resto do grupo, con algunha axudiña...

Lectura teatralizada de Frédérick, o rato poeta

E como non, @s poetas manifestáronse de novo este luns, e en dobre xornada: no primeiro recreo lendo poemas e definindo a poesía, esa dona esvaradía da literatura; xa pola tarde, en horario extraescolar, o alumnado de 1º BAC levounos polo Guitiriz de Díaz Castro, exercendo de magnífic@s guías do roteiro 'A fábrica de poetas'.



@s nos@s guías antes de iniciar o roteiro sobre Díaz Castro

A sección de adult@s, reuniuse o xoves 16 contra a noitiña para debullar Presas fáciles e Instrucións para tomar café; pero iso só foi o comezo dunha conversa onde as referencias ás mudanzas nas relacións interpersoais por mor da pandemia tiveron certa presenza, ao igual que moitas outras cuestións en relación coa vida cotiá, que tan ben recollen estas obras de ficción. As seguintes lecturas escollidas son Amor de tango, de Mª Xosé Queizán e ¿Cómo empieza todo?, do grupo Gaia. Correspóndelles a palabra ás mulleres, neste caso, e xa ía sendo hora...

E ben, iso é todo? Non tal: quedou a xuntanza do grupo de FPBásica en espera para a primeira semana de xaneiro, non tivemos oco para a posta en común estes días...

Comentarios