A derradeira lección da mestra


En memoria de Mercedes Romero Abella, natural de Cee e criada en Corcubión, logo mestra de Monelos, nai de dous nenos e esposa do sindicalista Francisco Mazariegos, fusilado en 1936, que foi secuestrada na Coruña e asasinada e arrebolada ao río Mandeo na Ponte da Castellana no outono do mesmo ano. Está enterrada en Vilarraso, nas terras de Aranga.

Aos seus fillos Marisa e Enrique e ao investigador Luís Lamela
.

A derradeira lección da mestra
foi alongarse da preposición propia
indo contra corrente cara á suma.

A derradeira lección da mestra
foi debuxar con xiz sobre o verbo
as ondas orixinais de Corcubión.

A derradeira lección da mestra
foi a primeira clase obreira
na súa escola laica de Monelos.

A derradeira lección da mestra
foi amar no prisma da Coruña
e concibir planetas e cadernos.
A derradeira lección da mestra
foi enterrada ao raso en Vilarraso
como toda a inocencia da lousa.

Ocultárona lonxe dos pupitres parapetos
para que ninguén aprendese o silabario
da súa última clase marsupial,
pero as vogais axexaban na Fervenza;
os mapas, na Ponte da Castellana;
o xerundio, no Chelo da Espenuca;
na Costa do Sal, a raíz cadrada;
no Barranco da Loba, o cartabón;
nos Montes do Gato, a clorofila,
e a fluvial regra de tres nos afluentes
libres coma libros pola Serra da Loba

A derradeira lección da mestra
foi metrallada nas terras de Aranga
escritas no monte polo río Mandeo.




Claudio Rodríguez Fer, Ámote vermella, Vigo, Edicións Xerais de Galicia, 2009.

Comentarios

  1. esta poesia es muy triste una profesora que solo queria ensinar e que a mataran por ensinar politica a min pareceme moi inxusto menos mal que oxe en dia non suceden esas cousas


    sandra 1º da eso a

    ResponderEliminar
  2. O día 29 deste mes realizarase unha homenaxe en Monelos,A Coruña onde era mestra e no mes de xuño haberá unhas charlas en Betanzos e Guitiriz sobre a represión nesta comarca, (5 de Xuño en Guitiriz) O día 12 de Xuño un roteiro recorrerá as fosas comúns de Santa Mariña, Villarraso, onde está soterrada a mestra, e Aranga.

    ResponderEliminar
  3. Hola! Chámome Fernando Sancho e son afeccionado a literatura, a poesía e a paisaxe.
    Quero felicitarvos polo voso blog e sobre todo por este empuxe da poesía, últimamente olvidada pola sociedade actual.
    Nos vindeiros meses publicarase o meu poemario "O discurso do bosque" e quería invitarvos a que entredes no meu blog do mesmo nome " O discurso do Bosque" e pedirvos agarimosamente que participedes nel para darlle vida e dinamismo.
    Moitas grazas por compartir tempo e imaxes literarias.

    ResponderEliminar

Publicar un comentario